Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Noia homenaxeará no Día da Muller a tres comerciantes do municipio: Lolita do Curro, Ramona de Tejidos Lamas e Isaura de Ultramarinos Isaura


 

A concelleira de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Villar, destaca que “se a día de hoxe é complicado rexentar un negocio, daquela era moito máis e queremos destacar a valía destas mulleres”

O Concello de Noia conmemorará o Día Internacional da Muller con dúas actividades: un obradoiro infantil de cociña en igualdade e unha homenaxe a tres mulleres comerciantes do municipio: Lolita do Curro, Ramona de Tejidos Lamas e Isaura de Ultramarinos Isaura. Así o presentou esta mañá Marisol Villar, concelleira de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade, quen estivo acompañada por persoal do Centro de Información á Muller e do Departamento de Servizos Sociais, ás que agradeceu o seu labor na conformación desta programación “onde distinguir a unha muller forte e loitadora como a de Noia”.

O programa especial dará comezo o sábado 7 de marzo cun obradoiro de cociña en igualdade para nenos e nenas a partir dos 6 anos. Terá lugar na Casa da Agra en dúas quendas: de mañá (de 11:00 a 13:00 horas) e de tarde (de 16:00 a 18:00 horas). As inscricións están abertas dende hoxe nos Servizos Sociais de Noia.

Día da muller

E o domingo 8 de marzo, a partir das 19:00 horas, o Coliseo Noela acollerá por terceiro ano consecutivo a Gala de Homenaxe á Muller. Unha cita que comezará coa lectura dun manifesto conmemorativo do Día Internacional da Muller, para cuxa redacción a concelleira agradeceu a colaboración prestada pola Marea Cidadá de Noia. Acto seguido proxectarase “Litio”, “un documental creado por xente do pobo que plasma a historia de mulleres e familias que vien do mar”, explicou Marisol Villar.

O acto rematará cunha nova homenaxe a tres mulleres de Noia. “na primeira edición homenaxeamos a dona Elena Batalla Tubío, a primeira presidenta da agrupación de profesionais de marisqueo a pé A Misela. O ano pasado homenaxeamos as dúas primeiras matronas de Noia, Angelita Durán e Pepita A Pola. Este ano faremos o propio coas comerciantes da nosa vila”.

Para iso, a Concellería de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade escolleu a tres mulleres en representación do sector: Lolita do Curro, Ramona de Tejidos Lamas e Isaura do Ultramarinos Isaura. “Se a día de hoxe é complicado rexentar un negocio, daquela era moito máis e queremos destacar a valía destas mulleres”, explicou Marisol Villar, quen destacou que con estas tres representantes buscan “agradecer e destacar a valía da muller no sector”. Unha homenaxe para a que se contou coa colaboración das familias das tres homenaxeadas, así como coas achegas da única das tres que aínda vive: Lolita do Curro.

As dúas actividades están organizadas pola Concellería de Benestar, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Noia e o Centro de Información da Muller noiés, coa financiación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. En ambos casos, a entrada é de balde.